O movemento é esencial para a conexión entre os organismos e os seus hábitats, tanto espacial como temporalmente. Polo tanto, os cambios nos desprazamentos poden xerar impactos significativos a escala do ecosistema. Ademais, os animais tamén se desprazan en reacción a variacións na súa contorna (Dingle, 2014). Para comprender mellor a etoloxía animal, adoitan categorizarse os patróns de comportamento. En aves, xeralmente distínguese entre especies sedentarias/residentes e migratorias segundo os seus movementos post-reprodutivos: son “sedentarias” aquelas que permanecen na mesma zona durante todo o ano e “migratorias” aquelas que realizan desprazamentos estacionais. Porén, estas clasificacións encobren unha variabilidade maior, incluíndo a propia versatilidade dentro da mesma especie. Newton (2010) propón seis categorías baseadas na distancia percorrida, a duración e a dirección destes movementos:
Todas as aves realizan movementos rutinarios diarios, normalmente curtos, en todas direccións e restrinxidos a unha área de campeo circunscrita. Por exemplo, os voos cotiáns entre as zonas de nidificación ou durmideiro e as áreas de alimentación.
Tanto en aves sedentarias como migratorias os exemplares inmaduros poden realizar movementos dispersivos desde a zona natal, normalmente sen unha dirección preferente e con duracións variables dependendo da especie. Habitualmente esta dispersión non supón unha viaxe de retorno e os individuos implicados terminan asentándose nunha área lonxana para criar (dispersión natal). En ocasións os adultos realizan cambios nas zonas de nidificación e entón coñécese como dispersión reprodutiva.
Moitas especies de aves realizan verdadeiras migracións, movementos que se caracterizan pola entidade do desprazamento, a direccionalidade, a regularidade espaciotemporal do mesmo e a escala poboacional implicada. Adoitan ser unha resposta á estacionalidade dos recursos e supoñen unha viaxe de ida e volta entre as zonas de reprodución e as zonas de invernada (o de “non cría”). No hemisferio norte as aves desprázanse desde as áreas de cría do norte ata as zonas de invernada ao sur, mentres no hemisferio sur ocorre o contrario. No entanto, hai algunhas especies que migran lonxitudinalmente ou altitudinalmente, comportamento que tamén se define como transhumancia. Un caso particular é a migración dispersiva, na que os desprazamentos post-reprodutores poden ocorrer en calquera dirección (como na dispersión) pero neste caso implican unha viaxe de retorno á área de cría.
As irrupcións (ou invasións) son movementos irregulares e imprevisibles normalmente causados por episodios de sobreabundancia na dispoñibilidade de alimento, aumentando o éxito reprodutor e a supervivencia xuvenil das especies de aves implicadas. Estas circunstancias poden provocar flutuacións poboacionais e movementos masivos dunha parte variable da poboación de aves que se desprazará en busca de alimento.
As especies que realizan movementos nomádicos desprázanse de xeito complexo e ás veces irregular pola paisaxe, adaptándose a recursos flutuantes e oportunidades de reprodución ou alimentación. Algunhas seguen rutas específicas en busca de puntos críticos de recursos, mentres que outras se moven de xeito máis aleatorio e establécense cando as condicións son favorables.
A nivel práctico, pódense identificar os diferentes tipos de movementos das especies con moito detalle grazas aos plans de marcaxe e seguimento que se veñen realizando desde hai máis de 12 anos polo programa Migra.
Dingle, H. 2014. Migration: The Biology of Life on the Move. Oxford: Oxford University Press.
Newton, I. 2010. Bird Migration. William Collins: London, UK.
Sara Morollón e Alejandro Onrubia